Catro concertos amenizaron as tardes dos venres de xullo. Tamén houbo visitas guiadas a este edificio histórico e degustación de pementos con viño do país. O seu obxectivo: difundir o valor do pemento de Herbón e achegar a música clásica á xente.Música clásica e pementos de Herbón. Esa foi a oferta cultural do mes de xullo na parroquia de Herbón, en Padrón, grazas ao II Festival de Musica de Herbón ‘As notas do Pemento’. Ademais, este ano, o festival inscríbese nos actos do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco a Santiago que organiza a comunidade franciscana en Galicia.
Música clásica e antiga e pementos de Herbón é a receta deste II Festival de Musica de Herbón ‘As notas do Pemento’. Unha cita que reuniu ás mellores promesas da música clásica de Galicia nunha serie de catro concertos que combinarán recitais líricos,música barroca ou dúos de violín e guitarra.
“Foi todo un éxito”, asegura Roberto Freire, ex prior de Herbón e director do festival, que destacou que con este ciclo musical se pretendeu “homenaxear” a un producto tan importante como o pemento de Herbón e facelo no lugar onde se comezou a cultivar hai máis de 300 anos; o convento de Herbón.
“Este festival contribuiu á difusión da produción de pemento de Herbón como base da nosa economía local, defendendo o traballo das nosas pementeiras”, apuntou Pilar García, coordinadora da asociación Sementar.
‘As notas do pemento’ está organizado polas asociacións Sementar e conta coa colaboración da Provincia Franciscana de Santiago e a S.A.T. A Pementeira. O seu obxectivo é resaltar as potencialidades do pemento de Herbón a través da música. E para iso, nada mellor que o lugar onde naceu e se mimou durante tantos anos; o convento franciscano de Herbón, fundado en 1396. A horta, o claustro e a fonte foron algúns dos escenarios que acolleron estes concertos, que tiveron lugar os venres de cada mes a partir das 20.30 horas.
Grupos convidados
Entre os músicos e grupos convidados estiveron José A. Campo (tenor) e Severino Ortiz (piano), que actuaron o 4 de xullo, o Herbens Consort que o fixo o o 11, Roberto Alonso (violín) e Samuel Diz (guitarra) o 18 e, finalmente, o 25 de xullo, o Grupo de Música Antiga 1500.