As Notas do Pemento

Festival de Música de Herbón


Deixar un comentario

E ata aquí as Notas deste ano… sen que remate a colleita!

Coa actuación do Grupo de Música Antiga 1500, que nos trouxo a Herbón o programa musical “Do divino e mundano – Unha peregrinaxe sonora do século XIII ao XVI”, pechamos por todo o alto esta II entrega das Notas do Pemento.

Grazas aos centos de persoas que pasastes por Herbón ao longo deste mes de xullo, tamén ao noso adorable público canino!, aos que nos trouxestes a vosa música para facernos gozar de 4 fermosas tardes, aos que nos axudastes co voso patrocinio a sacar adiante esta nova edición e a todas as persoas da organización que estivestes aí no día a día para facelo posible.

Aquí vos deixamos unhas imaxes da última xornada musical deste ano.

Agora poñemos a descansar os instrumentos e arrimámola porta coa satisfacción que queda logo de rematar o traballo ben feito.

Non deixedes de pasarvos igualmente por Herbón,  porque nas nosas hortas aínda seguirán dando a nota os pementos!!!

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

 


Deixar un comentario

E para pechar as Notas música “Do divino e mundano” co grupo 1500

Este venres pecharemos por todo o alto esta II edición d’As Notas do Pemento coa actuación do Grupo de Música Antiga 1500, que nos traen a Herbón o programa musical “Do divino e mundano – Unha peregrinaxe sonora do século XIII ao XVI”.
1500

 

Dirixido por Andrés Díaz, o Grupo 1500 é unha formación vocal e instrumental adicada á interpretación da música antiga. O seu repertorio abrangue dende a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media, até a música do Renacemento e primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500, que da nome ao grupo. Os e as e compoñentes de 1500 contan cunha ampla traxectoria concertística, sendo membros ou colaborando con outras formacións de ámbito nacional e internacional, e teñen ofrecido numerosos concertos en Galiza, España e no resto de Europa. Na interpretación e elaboración dos diferentes programas, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual, empregando, ademáis, un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas.

Ademáis da súa actividade concertística, 1500 desenvolve outro tipo de proxectos relacionados coa música, dende a súa concepción e deseño, até a súa execución: bandas sonoras para audiovisuais e teatro (1500 prestou a banda sonora para a curta Cadea Perpetua ou os documentais O Mariscal e Cetreiros do Século XXI), concertos, guías e materiais didácticos e concertos monográficos de temática específica para diversas conmemoracións.

Dende a súa creación, o grupo ten ofrecido numerosos concertos nos máis diversos ciclos e festivais como o Festival Espazos Sonoros edicións 2008 e 2012, a Festa da Istoria de Rivadabia, o Ciclo Músicas na Compañía da USC, o Ciclo de órgano de Xunqueira de Ambía, o Ciclo da Semana Santa de Foz, Ciclo da Semana Santa de Ourense, na Celebración do Centenario de San Rosendo, no Ciclo de concertos do Museo de Belas Artes da Coruña, no Festival Internacional de Músicas da Itinerancia de Compostela, Festa da Arribada en Baiona, o Ciclo de Música nas Ruínas de Pontevedra, no Ciclo Monumenta da Consellería de Cultura e innumerables escenarios de toda a xeografía galega. Recentemente o grupo actuou na basílica de San Pablo da cidade francesa de Narbonne.

Non vos perdades este venres, ás 20:30, o concerto de 1500 da man de:

  • Pablo Nieves (voz)
  • Belén Bermejo (voz, percusión e organetto)
  • José Ignacio Castro (sacabuxa e frautas)
  • Víctor Blanco (guitarra barroca, guitarra renacentista e arpa)
  • Roberto Santamarina (fídula e violín barroco)
  • Andrés Díaz (frautas, chirimía, baixón, vihuela e guitarra renacentista)

Para que vaiades abrindo apetito coa música de 1500 aquí vos deixamos este vídeo dunha das súas actuacións. Se ademais vos entran ganas de probar uns pementos… entón teredes que pasarvos estes venres por Herbón!


Deixar un comentario

Dunhas notas noutras

De novo un concerto por todo o alto o deste pasado venres en Herbón co Herbens Consort (deu boa fe disto o público). O noso grupo residente volveu á casa con novas incorporacións e instrumentos, e coas mesmas ganas coas que o ano pasado nos axudaron a botar adiante este festival. Grazas por estar de novo aí!!

Aquí deixamos unhas imaxes do que deu de si a xornada.

Mentres tanto, imos preparando xa o próximo pase. Agardamos para este venres a chegada de novas notas, entre elas algunhas de autores galegos que chegarán engachadas das cordas do violín de Roberto Alonso e da guitarra de Samuel Cid,  xuntos por vez primeira nun escenario.

O pase de diapositivas require JavaScript.

 


Deixar un comentario

Herbens Consort volve á casa

En xullo de 2013 debutaba Herbens Consort como grupo residente destas Notas do Pemento. Daquela, e aquí, polo Consort comezou todo. E vaia como comezou! Xuntáranse para a ocasión, na horta do convento, Indra Sesti di Lucca (soprano), Eliseu Mera (barítono), Diego Rojo (arquilaúde) e Carlos García Amigo (viola da gamba e dirección musical).

Esta semana, polo que nos van contando, e logo dun ano repleto de actuacións, ensaian ata 10 músicos para un concerto que coincidirá coa xornada festiva do San Benito en Herbón.

Entre nós, xa pouca presentación precisan. Para os que aínda non tivestes ocasión, aquí podedes coñecer o grupo algo mellor http://herbensconsort.com. Para escoitalos en directo, que é o que cómpre, este venres, ás 20:30, na igrexa do Convento de Herbón.

O grupo residente das Notas volve á casa. Aquí agardamos con ansia e pementos que volvan coas súas Notas!

herbensconsort


Deixar un comentario

Aínda cos ecos do primeiro concerto

Moito gozamos o venres do primeiro concerto das Notas! Van de novo os nosos parabéns a José Antonio Campo e Severino Ortiz polo magnífico recital que nos ofreceron no refectorio do convento. Ceamos da mellor música no mesmo escenario no que os franciscanos celebraron xantares e ceas durante séculos. O menú non puido ser máis gorentoso, e repetimos canto quixemos!!

Aquí vos deixamos unhas imaxes do que deu de si o primeiro pase das Notas do Pemento. Mentres preparamos o segundo, seguimos por aquí recollendo felicitacións para trasladarlle a José Antonio e Severino, tanto dos que estiveron en Herbón esa noite como daqueles aos que agora lles van chegando os ecos. Xa sabedes, repetimos o venres 11!

O pase de diapositivas require JavaScript.


Deixar un comentario

Comezan “As Notas” co concerto de José A. Campo (tenor) e Severino Ortiz (piano)

fotoJACampo_SeverinoOrtizA II edición das Notas do Pemento comeza este venres co concerto de José A. Campo (tenor) e Severino Ortiz (piano).

Forman dúo estable desde o ano 2003 e, entre o seu repertorio habitual están a canción de concerto en varios idiomas e estilos, a ópera ou a zarzuela.  Realizaron varios concertos en diferentes salas da xeografía española e foron convidados polo Ministerio de Asuntos Exteriores a cantar en Bolivia e Esolvenia.

Ambos compaxinan a actividade artística coa docencia.

Este é o programa que están preparando para Herbón.

1ª Parte

  • El árbol del olvido…………………………………………………………A. Ginastera
  • Milonga de dos hermanos………………………………………………C. Guastavino
  • Se equivocó la paloma……………………………………………….C. Guastavino
  • La rosa y el sauce…………………………………………………C. Guastavino
  • Bailecito……………………………………………………………..C. Guastavino
  • Madrigal………………………………………………………………..E. Lecuona
  • La comparsa…………………………………………………………….E. Lecuona
  • Canción del carretero………………………………………………….López-Buchardo
  • Del cabello más sutil…………………………………………………….F. J. Obradors

2ª Parte

  • Tre sonetti da Petrarca……………………………………………………F. Liszt

Pace non trovo
Benedetto sia ´l giorno
I vidi in terra

  • Consolación nº3……………………………………………………………..F. Liszt
  • Chanson de l´adieu……………………………………………………….F. P.  Tosti
  • ‘A vucchella………………………………………………………………….F. P. Tosti
  • L´alba separa dalla luce l´ombra………………………………………….F. P. Tosti


Deixar un comentario

E de onde vén a música?

Aquí tedes o vídeo promocional d’as Notas do Pemento 2014. As nosas pementeiras Rosa e Milagros, algo despistadas ao principio, sospeitan que sae música do invernadoiro, máis non dan con ela. Pero pronto entra Mila en escena. E de onde ía vir a música en pleno mes de San Xoán? dos pementos! que xa están a dar a Nota!!


Deixar un comentario

Presentouse a programación 2014 das Notas

O pase de diapositivas require JavaScript.

Logo do éxito que tivo o I Festival As Notas do Pemento, temos lista a segunda edición. Esta mañá o seu director, Roberto Freire, a coordinadora de Sementar (asociación que organiza o festival), Pilar García, e Milagros Piñeiro, tamén socia de Sementar e da SAT A Pementeira (empresa colaboradora), presentaron o cartel da edición 2014 das Notas.

De novo música e pementos para as tardes dos venres de xullo, con catro concertos que combinarán recitais líricos, música barroca, antiga…

Roberto Freire, ex prior do convento de Herbón e director do festival, destacou este feito durante a presentación do evento no Hotel Monumento San Francisco de Santiago: “queremos homenaxear un produto tan sinalado da nosa terra como é o pemento de Herbón e facelo no lugar no que medrou por primeira vez, a horta do convento franciscano”.

Nesta edición do festival o cartel está integrado por José A. Campo (tenor) e Severino Ortiz (piano), que acturán o 4 de xullo; Herbens Consort, que o fará o 11 como grupo residente do festival; Roberto Alonso (violín) e Samuel Diz (guitarra) o venres 18 e, finalmente, o 25 de xullo, o Grupo de Música Antiga 1500.

Na presentación do II Festival de Música de Herbón tivo lugar unha actuación de tres integrantes do Grupo de Música Antiga 1500, un dos participantes nesta edición, con Víctor Blanco López, guitarra renacentista; Andrés Díaz Pazos, vihuela e Belén Bermejo López, voz.